Vinte anos logo da
desaparición do réxime comunista, os rusos non valoran tanto as liberdades
individuais como as conquistas sociais que garantía a Unión Soviética
IGNACIO ORTEGA/EFE .
MOSCOVA
Manifestación conmemorando o aniversario da Revolución Soviética |
Os rusos aínda estrañan a
poderosa Unión Soviética ó cumprirse este ano dúas décadas da desaparición do
estado totalitario.
"Os cambios na vida
económica deben ser realizados por homes libres, xente libre nos seus actos e
nas súas ideas", asegurou recentemente o presidente de Rusia, Dmitri Medvédev,
que tiña 26 anos cando caeu a URSS en 1991.
O caso é que os habitantes
da Federación Rusa aínda non valoran tanto as liberdades individuais, como as
conquistas sociais que garantía a Unión Soviética: os empregos fixos, a educación
e sanidade gratuítas, vivenda accesible e pensións. Segundo unha enquisa do
prestixioso centro sociolóxico Levada, un 55 por cento dos rusos segue
lamentando a desintegración soviética, que o primeiro ministro, Vladímir Putin,
cualificou como "a maior catástrofe xeopolítica do século XX".
Esa porcentaxe é un
reflexo da opinión dos adultos rusos, xa que entre os mozos (17 por cento) e os
maiores de 60 anos (83 por cento) as posturas son moi extremas.
"O que non lamente a
desintegración da URSS non ten corazón, pero o que queira o seu renacemento non
ten cabeza", dixo Putin a mediados de decembro. Esa frase é un espello do ánimo
de moitos rusos, ós que lles gustaría vivir nun Estado que era respectado e
temido no mundo, pero que son conscientes de que o experimento soviético é
irrecuperable e xa pasou ós anais da historia.
Ó botar unha mirada atrás,
un 53 por cento dos rusos cre que a desintegración da URSS era evitable,
mentres un 32 por cento pensa o contrario. Isto demostra por que moitos rusos
seguen culpando a último dirixente soviético, Mijaíl Gorbachov, de pórlle a
puntilla á URSS ó acceder a todas as demandas de Estados Unidos, que se
converteu así no gañador da Guerra Fría.
EEUU é a única
superpotencia mundial seguido de China
Desde entón, EEUU é a única
superpotencia mundial, só seguido de cerca por China, mentres Rusia aínda non
superou o trauma da fin do comunismo.
Outro exemplo desa
nostalxia do antigo réxime é que máis da metade dos entrevistados avoga polo
reforzamento dos lazos entre as quince antigas repúblicas ex soviéticas, pola
reinstauración da URSS ou por recrear esta a imaxe e semellanza da Unión
Europea.
Os rusos aínda cren
firmemente nos lazos entre os antigos pobos soviéticos, especialmente con
outros países eslavos como Ucraína e Bielorrusia, e tamén con Kazakhstán, que
acolle unha importante minoría rusa. Ademais, do mesmo xeito que o Kremlin,
seguen considerando o "estranxeiro próximo" como unha zona de
especial influencia, onde a presenza occidental non é benvida de ningún modo.
Moitos identifícanse máis
coa mentalidade de Putin
Moitos rusos aínda se
identifican máis coa mentalidade conservadora de Putin e o seu apego á man dura
que co ideario liberal de Medvédev, que opina que a "emancipación" do
pobo ruso aínda é unha materia pendente.
"Nunca houbo
democracia no noso país antes de 1991. Repito, nunca. Nin baixo o tsar, nin
durante a era soviética, nin en ningunha outra época. É un proceso difícil",
afirmou Medvédev no vixésimo aniversario do diario gobernamental Rossíyskaya
Gazeta.
Medvédev, quen preside o
país baixo a alongada sombra de Putin, recoñece que "a democracia é
imposible nun país pobre", pero matiza que "o progreso dunha economía
moderna é imposible en condicións de ditadura".
Mentres, Putin, que nos últimos
anos criticou as represións estalinistas, é acusado de pór en marcha unha campaña
de neosovietización da sociedade rusa que inclúe a rehabilitación dos símbolos
soviéticos.
O propio Gorbachov acusou á
formación oficialista Rusia Unida, encabezada por Putin, de converterse no novo
Partido Comunista da Unión Soviética (PCUS) ó acoller no seu seo exclusivamente
a burócratas interesados en beneficiarse da súa proximidade ó poder.
Gorbachov, que cumprirá 80
anos en marzo, anunciou a fin da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas
nunha alocución televisada o 25 de decembro de 1991.
Os turistas que visitaban
esa noite a Praza Vermella foron testemuñas de excepción de como se arriaba a
bandeira soviética e se izaba a tricolor bandeira tsarista da nova Rusia,
comandada polo entón presidente, Borís Yeltsin.
Aínda que, en honra á
verdade, a URSS xa deixara de existir meses antes, cando todas as repúblicas,
incluída a propia Rusia, proclamaron a súa independencia e liberación do vello
xugo soviético.
É NOTICIA
Deteñen vinte opositores
Unha vintena de opositores
rusos foron detidos onte cando se dispuñan a protestar fronte á prisión
preventiva de Moscova onde se atopan encerrados varios dos seus líderes desde o
31 de decembro pasado. "Detivéronnos preto da prisión preventiva na
avenida de Simferópol", asegurou Alexandr Ribkin, un dos dirixentes do
movemento opositor "Solidarnost" (Solidariedade), á axencia Interfax.
Atacan unha igrexa no Cáucaso
Varios
atacantes sen identificar incendiaron o domingo unha igrexa cunha granada no Cáucaso
Norte, unha zona de maioría musulmá, o que supón o último acto de violencia
nunha rexión na que o Goberno ruso intenta conter a insurxencia islamita. Ninguén
resultou ferido no ataque á igrexa cristiá ortodoxa de Ordzhonikidze, na rexión
de Ingushetia que limita con Chechenia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario