xoves, 6 de xaneiro de 2011

O "Titanic" galego

O dous de xaneiro do 1921, hai agora noventa anos, o buque de vapor "Santa Isabel" afundiu fronte á illa de Sálvora nun naufraxio que deixou 213 mortos

SUSO SOUTO . RIBEIRA
O ‘Santa Isabel’ naufragou fornte á illa de Sálvora, na entrada da
 Ría de Arousa FOTO: AXENCIAS
O naufraxio saldouse coa morte de 213 pasaxeiros e deixou unha profunda pegada na histo­ria do municipio: o rápido auxi­lio que os veciños da illa de Sálvora prestaron ás vítimas permitiu salvar 53 vidas. Había apenas 9 anos que o Tita­nic afundiura en augas de Terranova deixando sobre o mar un ronsel de morte; aquela xé­lida noite do 2 de xaneiro de 1921 (o domingo fará 90 anos), Ribei­ra sufriu unha traxedia similar e amenceu a golpe de sirena: o bu­que de vapor Santa Isabel ía a pique fronte á illa de Sálvora.
A localidade á que o rei Al­fonso XIII acababa de outorgar o título de cidade no ano da súa voda (1906), pasaría á Histo­ria por esta heroica acción co­mo Moi Nobre, Moi Leal e Moi Hospitalaria (aínda que sobre este último título non existe documen­tación e hai quen cre que foi invención dalgún cronista). Pero aquela historia negra ten os seus nomes propios.
O buque, acabado de construír o 21 de outubro de 1916, pertencía á Compañía Transatlántica Española, cuxo presidente era o Marqués de Comillas. Tiña 1.181 toneladas de rexistro, me­día 88,85 metros de eslora e esta­ba valorado nuns seis millóns de pesetas da época.
Facía a ruta Bilbao-Cádiz co­mo servizo auxiliar de traslado de pasaxeiros dos portos do norte de España ó porto de Cá­diz, onde se collían os grandes transatlánticos que facían as tra­vesías cara a Arxentina.
Tiña 40 literas para pasaxeiros de primeira clase, 16 para os de segunda e 400 para os de terceira. O día anterior (Ano Novo de 1921), partira da Coruña rumbo a Vilagarcía, co mar groso e forte vento.
Levaba a bordo 266 persoas: 78 tripulantes e 188 pasaxeiros (entre eles, Pedro Paz Míguez, fillo do alcalde de Miño). Ás dez da noite, á altura de Fisterra desatouse un forte temporal que dificultou a navegación.
O capitán ordenoulles ós pasaxei­ros retirarse ás súas literas e reduciu a velocidade. Pouco despois da unha e media da madrugada do día 2, cando pasaba a 200 me­tros da illa de Sálvora, concre­tamente nos baixos de Meixides, embestiu contra uns baixos rocho­sos e empezou a afundirse de proa tras partir o casco en dous.
Nese mesmo lugar afundíronse xa varios vapores entre eles, o barco de guerra español Cisneros e o vapor Larache.
O vapor pediu auxilio ás 01.55 horas; o radiograma recolleuse na estación de Fisterra pero, cando o operario preguntou pola súa situación, xa non contestou na­die. O Santa Isabel foi a pique deixando á vista un terzo da cheminea e o pau de proa.
O suceso sorprendeu á maior parte dos pasaxeiros e tri­pulantes durmindo. En Sálvora (duns 60 habitantes) só quedaron esa noite as persoas de maior idade e as nais solteiras cos seus fillos; o res­to foran a Aguiño a celebrar coas súas familias o Ano Novo.
De modo que, entre as primeiras veciñas de Sálvora en botarse ó mar nunha dorna para soco­rrer as vítimas estaban catro mozas que pasarían á Histo­ria como as heroínas de Sálvora: Josefa Parada, de 25 anos; Cipria­na Oujo, de 16; María Fernández Oujo, de 14, e Cipriana Crujeiras, que remaron case cinco millas ata chegar o barco no medio dun forte temporal.
Entre os primeiros rescatados estaba o capitán, Esteban García Muñiz, que foi atopado so­bre unha táboa e que quedara mudo. Tamén se salvou o maquinista, Juan Antonio Pérez Cano. Pero pronto empezaron a chegar a Aguiño as dornas cos primeiros cadáveres a bordo. Unha das embarcacións que partici­pou nesa tarefa foi o Rosiña.
Entre os mortos (moitos deles campesiños de Ferrol), esta­ban o primeiro oficial, Luis Lazaga, que se salvou no naufra­gio do vapor Eizaguirre, ocorrido no Cabo de Boa Esperanza, no que só sobreviviran 8 persoas; Antonio Pescador Sa­berón, capelán do barco; e o pri­mer maquinista, Miguel Calvente (malagueño), rescatado con vida, pero que morreu ó chegar a terra.
Pero houbo tamén unha perso­na salvada pola Divina Provi­dencia: Manuel Abad, que comprara a pasaxe para ir a Cá­diz na Santa Isabel e que, a últi­ma hora, decidiu ir en tren.
A primeira embarcación que pasou pola zona tras o naufra­xio foi o vapor da Compañía Ibarra; pero naquel momento só ha­bía no mar un longo ronsel de maletas. No caso deste afundimento, foi a primeira vez que se aplicou o seguro de emigrantes.
Unha das perso­as que máis investigou e publicou sobre o afundimento do Santa Isabel é o xornalista e historiador ribeirense Xosé María Fer­nández Pazos.
En xaneiro do ano 1998 publicou no CORREO GALLEGO unha serie de reportaxes que incluían varias fotos in­éditas das distintas fases de construción da em­barcación e que realizara o neto do enxeñeiro que o deseñou. En agosto dese mesmo ano, Fernández Pazos pu­blicou o que aínda é o úni­co libro que existe sobre a traxedia, titulado Sálvora, memoria dun naufraxio. A traxedia do Santa Isabel.
Foi unha tirada de luxo, en formato A4, de tapa du­ra e en papel de tripla ca­pa de arte a cinco tintas. O exemplar pesa 1.400 gra­mos. A edición, de dous mil exemplares, esgotouse ós dous anos. O próximo mes de xaneiro, coincidindo co noventa aniversario da traxedia, o citado autor publicará unha reedición de peto, cunha tirada de mil exemplares. No Museo Naval de Cá­diz consérvase unha maque­ta da Santa Isabel, aínda que a maior parte da docu­mentación se perdeu du­rante unha revolta sindical ocorrida nesa localidade nos anos setenta.
Tamén en Vilagarcía de Arousa gárdase unha maqueta artesanal reali­zada por José Antonio Ba­rreiro Romero, que a doou a esa localidade salnesá, moi relacionada tamén coa historia do afundimento do barco de vapor Santa Isabel.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario