Manuel Monge denuncia nun
libro as consecuencias das mentiras da ditadura e do pacto de silencio da
Transición, cun "Estado democrático á defensiva" na política de
recuperación de memoria
MARÉ . SANTIAGO
"Levamos máis de
trinta anos cunha política equivocada respecto á liquidación dos restos do
franquismo. Lembremos que na chamada Transición á democracia tiveron un papel
fundamental ministros da Ditadura e persoas vinculadas durante anos ao
franquismo". "E así pasa o que pasa. Un Estado democrático á
defensiva e unhas organizacións fascistas fachendeando e á ofensiva. Os fillos
políticos dos responsábeis de centos de miles de asasinatos -máis de seiscentos
na comarca da Coruña- atrévense a sentar no banco dos acusados un xuíz por
cometer o "grave delito" de querer investigar os crimes do
franquismo". Son algunhas das reflexións coas que o presidente da Comisión
pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, CRMH, Manuel Monge, remata o
seu libro A historia secuestrada polo franquismo, editado por Laiovento.
O ensaio comeza lembrando
os crimes do franquismo. "A represión franquista asasinou máis de 5.000
persoas en toda Galiza", apunta. Ademais, encadra estes asasinatos na
estratexia dos golpistas de, como dixo o xeneral Mola, "eliminar" os
que non pensaban coma eles.
Monge salienta tamén a
desaparición e adopción ilegal de fillos e fillas dos represaliados, ou os
campos de concentración e fosas comúns. Sobre o xuízo contra o xuíz Garzón,
subliña que "vivimos mo mundo ao revés: os criminais e verdugos de miles
de persoas durante a ditatura franquista, convértense en acusadores dun xuíz
que pretende investigar estes crimes. Todo isto ante a pasividade do Goberno,
incapaz de ilegalizar organizacións como Falange, que xogaron un papel
fundamental na represión franquista e que continúan hoxe facendo apoloxía do
fascismo".
O autor repasa despois a
traxectoria da CRMH: o seu nacemento tras anos de "defensa numantina"
da simboloxía franquista por parte do PSOE de Francisco Vázquez, e as
principais actividades, como os roteiros pola retirada dos símbolos
franquistas, homenaxes ás vítimas ou campañas como a que lembraba que Sanjurjo
foi un golpista.
DATOS
O símbolo do pazo de Meirás
A loita pola devolución ó
pobo do pazo de Meirás é un dos temas máis simbólicos da actividade da CRMH.
Monge denuncia no seu libro a "compracencia" dun PSOE e dun PP que
"presumen" da Transición.
DATOS
O retroceso co Goberno do
PP
Sobre a retirada dos símbolos,
o autor apunta a como Mar Barcón non apoiou en varias ocasións as mocións neste
sentido, e recorda que, malia que no 2009 o Pleno coruñés, coa abstención do
PP, aprobou o informe do Comité de Expertos para a retirada dos símbolos,
moitos aínda permanecen onde estaban. E analiza eivas da Lei da Memoria Histórica
como que non recoñece a anulación dos xuízos franquistas, ou o retroceso no
proceso de recuperación da memoria que supuxo a volta do PP ó Goberno galego,
tras un impulso do Ano da Memoria, co bipartito.
Aspectos do pasado coruñés
O
libro detense, como indica o seu título, en partes da historia que o franquismo
negou ou manipulou. Lembra, así, o pasado republicano da cidade, ou que Juan
Canalejo foi o fundador da Falanxe na Coruña e organizador dun grupo terrorista
ou Millán-Astray un golpista e responsable de Propaganda da Ditadura. O ensaio
cuestiona, en xeral, o pacto do silencio da Transición, e en relación con isto
acusa a Manuel Fraga de ser "cómplice e partícipe da política
represiva" da ditadura nos anos 60 e 70.
Ningún comentario:
Publicar un comentario