16.01.2011 A Asociación de
Amizade con Israel pídelle a Caballero que honre o médico Lalo Martínez, quen
salvou miles de xudeus do nazismo
REDACCIÓN . SANTIAGO
A Asociación Galega de
Amizade con Israel (AGAI) acaba de solicitar do Concello de Vigo que o vindeiro
27 do presente mes de xaneiro se sume á celebración do "Día Mundial en
Memoria das Vítimas do Holocausto" concedéndolle o nome dunha rúa ou praza
ao médico vigués, Eduardo Martínez Alonso, e aprobando unha declaración
institucional. O ilustre doctor converteuse durante a II Guerra Mundial nun
personaxe senlleiro, pois dende o seu propósito de axente do servizo secreto
británico, e como médico da Cruz Vermella, artellou unha rede que salvou a vida
de milleiros de xudeus perseguidos polos nazis.
Nunha carta remitida ao
alcalde polo presidente de AGAI, Pedro Gómez Valadés, lémbralle ao máximo
mandatario vigués que foi o 1 de novembro de 2005, cando a asem-blea xeral das
Nacións Unidas designou o 27 de xaneiro como Día Internacional en Memoria das Vítimas
do Holocausto, baixo os termos recollidos na resolución 60/7. Dende esa data, e
nalgún caso dende antes desta, os países democráticos celebran actos
recordatorios programados polos seus parlamentos, gobernos e outras institucións
autonómicas ou locais.
Polo demais, na solicitude
formal presentada no rexistro do concello, AGAI ofrécese ao Concello para
contactar con superviventes do Holocausto para organizar o acto que se estime máis
conveniente, ao entender que "como vigueses e como galegos no debemos
esquecer nunca a vergonza e mailo horror da historia colectiva do vello
continente europeo ao que pertencemos".
A Asociación Galega de
Amizade con Israel é unha organización plural, inscrita no correspondente
rexistro público, que foi fundada en Santiago no ano 2006, que conta con
trescentos afiliados de todo tipo de ideoloxías, extracción social, nivel de
instrución, ou crenza relixiosa. Entre os seus seis obxectivos fundacionais
figura o de denunciar e traballar contra a perversa banalización do Holocausto.
A CERNA
Colaborador do MI6 en
Londres
Documentos
inéditos da National Arquives de Londres desclasificados en 2005 revelan, a
través das listas de evacuados e dos telegramas da Embaixada Británica en
Madrid, que o Schlinder vigués non só colaborou con este operativo entre 1940 e
1942, ano no que tivo que exiliarse en Londres, tal e como se cría até agora,
senón que foi o ideólogo da coñecida como ruta de Valença do Miño e que
continuou asesorando ao MI6 desde o Londres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario