sábado, 1 de xaneiro de 2011

As cores da guerra fría

Belgrado enfronta nunha exposición as formas da arte oficial e da arte disidente durante as décadas que caracterizaron a tensión creativa no bloque soviético

SNEZANA STANOJEVIC/EFE . BELGRADO

A mostra incide no feito de que con Gorbachov os artistas comezaron a amosar ironía e mesmo desprendemento, como en Sobocki (esqda) e Vrubel FOTO: efe
A mostra incide no feito de que con Gorbachov os artistas comezaron a amosar ironía e mesmo desprendemento, como en Sobocki (esqda) e Vrubel
FOTO: efe
A arte oficial e disidente da época comunista resucitou en Belgrado, nunha exclusiva e intrigante exposición das obras nacidas tras o Pano de Aceiro na segunda metade do século XX, antes da caída do Muro de Berlín. A mostra, titulada "Detrás do Pano de Aceiro. Escena oficial e independente na Unión Soviética e Polonia 1945-1989", mostra a evolución da arte nos dous maiores países do bloque do Leste.
A exposición permite contrastar a arte oficialista e a súa presentación idealizada da sociedade comunista, coa rebeldía de artistas que sufriron a represión e apostaron por correntes creativas novas que tiveron que desenvolver ás agachadas. "Preséntanse obras de coleccións privadas de coleccionistas polacos, ás que o público ten moi pouco acceso. Nese sentido é un grande acontecemento para Belgrado, pero tamén para o mundo, para Europa", declarou a Efe Mirjana Slavkovic, do Museo da Historia de Iugoslavia que alberga a mostra.
A exposición, que se manterá aberta ata o día 15 de febreiro, reúne duascentas obras de artistas rusos e polacos. Está dividida por seccións temáticas e cronolóxicas que presentan tanto a arte oficial como manifestacións que se rebelaban contra os ditados da política cultural. O itinerario comeza co realismo socialista e a arte comprometida que glorifica ó Comunismo e que na URSS dominou a escena artística ata a década dos 80 e en Polonia só ata mediados da década dos 50. As pinturas enxalzan tanto ós líderes da revolución como ó obreiro ou ó campesiño, modelo do home novo do comunismo. Así, pódense ver retratos dun Lenin mostrado como un ser serio, sabio e sublime, e visións dun proletariado entusiasta, comprometido e feliz.
A chamada Segunda vangarda da arte polaca está dedicada ós autores independentes que, a pesar da súa clara orientación esquerdista, rexeitaron as lemas do realismo socialista. Algúns foron represaliados, como a escultora Katarzyna Kobro e o pintor Wladyslaw Strzeminski, eixo da vangarda polaca, que foron apartados das academias de arte como inimigos do sistema e morreron na miseria porque ninguén se atrevía a comprar as súas obras.
Numerosas obras de Kobro perdéronse para sempre porque tivo que usar as súas esculturas de madeira para a calefacción. O realismo socialista, con todo, non tivo grande impacto en Polonia e xa a partir de 1955 os artistas puideron crear sen límites ideolóxicos aínda que con poucas opcións de expor o seu traballo. Para previr un exceso de liberdade, o Comité Central do Partido Comunista polaco limitou a un 15 por cento o número de obras abstractas nas exposicións.
Entre as alegacións contra o autoritarismo destacan as obras de Jerzy R. Zielinski, como a súa peza que mostra uns beizos cosidos en branco e vermello, as cores da bandeira polaca; ou unha cabeza un home cunha vela acesa que, ó derretirse, alaga de amarelo o fondo vermello, o triunfo da intelixencia sobre a opresión.
A "desestalinización" na URSS durante os anos 50 permitiu a organización de exposicións internacionais importantes, ata unha estadounidense, que foron ben recibidas en Moscova. Con todo, os artistas non puideron librarse dos límites que impuña a ideoloxía e sufriron as críticas das autoridades por usar o home en experimentos artísticos en esculturas figurativas e abstractas, en teoría inintelixibles para as masas. En Polonia, a represión da década dos 80 levou os artistas a protestar e negarse a participar en exposicións oficiais e escaparon da censura con mostras secretas en igrexas e domicilios privados.

Á MARXE

A política represora
Na pintura, o político represor foi presentado con traxe e con gravata e unha máscara de lobo perigoso, con uñas puntiagudas que busca a vítima, como na obra "Xestapo", de Jacek Sroka. Outro autor polaco, Leszek Sobocki, presentou en "Sufocante", a obra que pecha a exposición en Belgrado, ó artista que empeza a separarse da roupa de cor vermella adherida ó seu corpo e que lle aperta, como símbolo da opresión do sistema.
O papel clave de Gorbachov
Na Unión Soviética, as reformas impulsadas por Gorbachov, permitiron criticar e ironizar cos símbolos dun réxime que chegaba á súa fin, como nun óleo de Dmitri Vrubel, que no canto dun heroico e altivo soldado comunista mostra a un mozo con mueca burlesca. En "A paz", de Erik Bulatov, alúdese á reconciliación entre o Leste e o Occidente coa presentación da emblemática Estatua da Liberdade e dúas figuras ó estilo do realismo socialista

Ningún comentario:

Publicar un comentario