sábado, 22 de xaneiro de 2011

ETA e Galicia: de Pardines a Blanco


A banda armada matou por primeira vez en 1968 a un garda civil orixinario de Galicia, terra onde cometeu once atentados
M. PARDO 11/01/2011 - 00:37 h.
Galicia mantén desde hai anos 
unha relación tenebrosa con ETA. A primeira vítima mortal da banda terrorista foi un garda civil de Malpica, José Antonio Pardines, mentres que a que causou maior contestación e impacto social, Miguel Ángel Blanco, tiña as súas orixes en Xunqueira de Espadañedo.
Un e outro quedarán para sempre nos libros de historia. Un por encabezar as estatísticas e o outro polo cambio histórico e extrema crueldade que supuxo a súa morte.
O 7 de xuño de 1968, José Pardines Arcay, de 25 anos, regulaba o tráfico na entrada da localidade guipuscoana de Villabona. Mandou parar un Seat Coupé con matrícula de Zaragoza, onde viaxaban 
dous mozos que non fixeron caso dos acenos do garda, que decidiu seguilos en motocicleta para que se detivesen. Pediulles a documentación e comprobou que os números de motor e de bastidor non coincidían cos datos. Txabi Etxebarrieta, un dos homes, disparoulle na cabeza e logo no peito. O malpicán convertíase na primeira vítima mortal de ETA. O seu asasino caería abatido despois pola Garda Civil. O seu acompañante, Iñaki Sarasqueta, entregouse pouco despois e hoxe está desvinculado da banda e renega da loita armada.
En Malpica, unha céntrica rúa honra a José, “morto en servicio”. A súa familia non adoita falar do tema máis que para lembrar o “horrible” daqueles días e o descoñecemento que por aquel entón había de ETA. O seu irmán, e ex alcalde da localidade, prefire non comentar nada. “Tedes que perdoarme, pero nunca falei e agora tampouco”, díxolle onte a este diario.
Si foron máis protagonistas, por desgraza, os familiares de Miguel Ángel Blanco. Este mozo fillo de galegos foi secuestrado por ETA o xoves 10 de xullo de 1997. A banda esixíalle ao Goberno de Aznar o achegamento dos presos etarras ao País Vasco como condición para a súa liberación. Se non se cumpría, sería asasinado en 48 horas.
Malia os millóns de españois que pediron a súa liberación nas rúas, os etarras cumpriron a súa ameaza e asasinárono dun tiro na caluga. A crueza da súa morte deu lugar ao chamado espírito de Ermua e un sentimento contra ETA como nunca se vira. Por primeira vez en moitos anos, a sociedade plantoulle cara ao terrorismo e albiscouse a unidade política contra a violencia.
Blanco e Pardines foron as dúas vítimas galegas máis senlleiras, pero non as únicas. Preto de corenta foron asasinadas por unha banda que atentou até once veces no país.
No entanto, non foi Galicia unha terra tradicionalmente obxectivo do grupo armado. A última vez que ETA actuou na comunidade foi xa hai seis anos e medio, no verán de 2004, cando colocou bombas en Sanxenxo, Baiona, Compostela e 
A Coruña. Non houbo vítimas.
A primeira, en 1987, cando o comando Txarito se desprazara desde Navarra para colocar un pequeno artefacto no centro comercial Catro Camiños da Coruña e que tampouco creou excesivos danos. Ata nove anos despois, en 1996, nada se soubo da banda terrorista en Galicia. Entón, un comando itinerante que se fixo pasar por un grupo de turistas puxera outras bombas en Santiago, Biaona ou Sanxenxo. Pouco antes, a Garda Civil detía en Pontevedra a varios etarras e descubría na Coruña un piso franco con 250 quilos de amonal. Os obxectivos, entre outros, eran Mariano Rajoy e Romay Beccaría.
Xa en 2001, a Garda Civil localizaba en Compostela un piso franco alugado na rúa Pelamios. Nerea Garaizar e Alicia Sáez fixéronse pasar por estudantes e ata empregaron carnés da Facultade de Xornalismo. A súa idea era crear unha infraestrutura de ETA na comunidade e atentar contra o daquela presidente, Manuel Fraga. Entre os seus obxectivos tamén había varios conselleiros, membros da xudicatura e das forzas de seguridade e concelleiros do PP e do PSdeG.
Galicia, tras 2004, non volveu ser obxectivo de ETA. Desde onte, espérase que ningún territorio máis o sexa. O tempo falará.

Ningún comentario:

Publicar un comentario