mércores, 12 de xaneiro de 2011

Automotores Orletti, de centro de tortura a espazo da memoria


O Tribunal Federal de Bos Aires comezará en febreiro a etapa final dun proceso no que se xulga os autores de crimes de lesa humanidade cometidos contra 65 dos detidos neste presidio en 1976
MARICEL SEEGER/EFE
Con buracos de bala nas paredes e ganchos usados para as torturas que aínda colgan dos teitos, os rastros da represión coordinada no Cono Sur durante os anos 70 persisten no antigo cárcere clandestino Automotores Orletti, cuxos crimes son actualmente xulgados en Arxentina. Situado no barrio porteño de Floresta, o centro clandestino de detención que funcionou na ditadura arxentina (1976-1983) aínda conserva aquela fachada de taller mecánico que agochou o secuestro dunhas 200 persoas, na súa maioría uruguaios, vítimas da represión coor- dinada con países veciños.
"Automotores Orletti foi un símbolo do Plan Cóndor", tal como se denomina a represión das ditaduras de Arxentina, Brasil, Bolivia, Chile, Paraguai e Perú durante a década do 70, resume Blanca Santucho, querelante nun xuízo que se leva a cabo en Bos Aires por crimes de lesa humanidade cometidos nese cárcere. Blanca é irmá de Carlos Santucho, asasinado no cárcere clandestino, e de Mario Santucho, quen foi líder da guerrilla Exército Revolucionario do Pobo (ERP) e morreu en xullo de 1976 nun enfrontamento con forzas militares.
Carlos Santucho foi asasinado tras ser colgado dun gancho e sometido a unha tortura coñecida como "submarino", é dicir, afundilo nun tanque de 200 litros de auga ata afogalo, segundo relata Ricardo Poggio, coordinador de visitas do antigo cárcere ilegal.
Aquel gancho aínda colga do teito da planta baixa de Automotores Orletti, unha sorte de gran depósito de paredes húmidas e fendidas onde eran aloxados algúns dos detidos, entre os que houbo arxentinos, uruguaios, chilenos, cubanos, bolivianos e paraguaios. Outros detidos eran levados á primeira planta, na que funcionaban salas de torturas e interrogatorios -onde colgaba un cadro de Adolf Hitler-, ademais dunha cela para detidos e outra de illamento, explica Poggio.
O antigo cárcere clandestino pasou a mans do Instituto Espazo para a Memoria, formado pola Alcaldía de Bos Aires e entidades humanitarias. A calor que azouta por estes días Bos Aires pesa como chumbo nestas salas, que aínda conservan as pegadas das balas, varias disparadas durante simulacros de fusilamentos ós presos do antigo cárcere, á que un xuíz de instrución comparou cos "campos de concentración do nazismo".
"Un dos detidos morreu polas torturas na cela. Cando os seus compañeiros pediron axuda, os represores responderon cunha andanada de disparos desde outra sala", asegura Poggio mentres sinala as pegadas dos impactos de bala.
Entre os detidos estiveron Marcelo Gelman e María Claudia García Iruretagoyena, o fillo e a nora do poeta arxentino Juan Gelman, quen en 2000 recuperou a súa neta, Macarena, nacida en cativerio en Uruguai e unha das testemuñas do xuízo. Para Blanca Santucho, hai numerosas testemuñas da represión exercida en Automotores Orletti, "ao momento que no xuízo houbo unhas 130 persoas que achegaron datos sobre os sucedido no lugar, que dirixía o falecido coronel arxentino Aníbal Gordon, tamén acusado de ser membro da banda de ultradereita "Tripla A".
O Tribunal Oral Federal 1 de Bos Aires comezará en febreiro próximo a etapa final dun proceso no que se xulga os autores de crimes de lesa humanidade cometidos contra 65 dos detidos en Automotores Orletti, que funcionou entre maio e novembro de 1976, dixeron fontes do Espazo para a Memoria.
Neste proceso xúlgase o ex axente civil de intelixencia do Exército Raúl Guglielminetti, quen posteriormente dirixiu a custodia do falecido ex presidente Raúl Alfonsín (1983-1989), o ex coronel Rubén Visuara, o ex xeneral Eduardo Cabanillas e os ex espías de intelixencia Honorio Martínez Ruiz e Eduardo Ruffo. Os militares que comandaban o centro decidiron "levantalo" a comezos de novembro de 1976, despois de que unha parella de secuestrados arxentinos lograse escapar aproveitando unha borracheira dos axentes a cargo da custodia, sinala Poggio.
Ó fuxir, a parella viu un cartel que "dicía algo así como Automotores Orletti", pero que en realidade rezaba "Automotores Cortell", tal como se chamaba o antigo dono da propiedade, que en abril de 2009 pasou a mans do Espazo para a Memoria. Segundo Poggio, "o ruído das vías do tren situadas fronte ó cárcere ilegal e o feito de que estivese á beira dunha escola que permitía oír os mozos" resultou clave para identificar o lugar onde funcionaba este cárcere clandestino, que agora se propón como "un espazo para a memoria urbana".
Seis xuízos a represores por delitos de lesa humanidade cometidos durante a última ditadura militar, un delos referido ó plan sistemático de sustracción de menores, xa ten data para comenzar este ano en Tucumán, Salta e Capital Federal.
O primeiro xuízo oral de 2011 será en Tucumán, o 15 de febreiro, e terá no banco dos acusados a Luciano Benjamín Menéndez e Roberto Heriberto Albornoz, no marco da causa "Romero Niklison", na que se investigan cinco homicidios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario