Pasa desapercibido o centenario de Concha Castroviejo, autora da
primeira novela española sobre o exilio
FRAN P. LORENZO . SANTIAGO
FRAN P. LORENZO . SANTIAGO
Imaxe
xuvenil de Concha Castroviejo, nacida en Compostela no 1910
FOTO:
AXENCIAS
|
Naceu en 1910, como Gonzalo
Torrente Ballester ou como Luis Seoane. O seu nome figura canda o deles
en estudos literarios e críticas xornalísticas. Compartiron un tempo
escuro e de renuncias. Pero Concha Castroviejo, a autora de Los que
se fueron -libro publicado en 1957 pola editorial Planeta e
considerada a primeira novela española sobre o exilio- non desfrutou
en 2010 de ningún recoñecemento oficial. Ningunha exposición nin
homenaxe --como as que se lle tributaron a Torrente e a Seoane- evocou a
obra dunha autora, natural de Santiago de Compostela, que con dúas
novelas principais gañou un lugar de destaque na narrativa
española de posguerra.
O Álbum de Mulleres do Consello da
Cultura Galega -un proxecto da Comisión de Igualdade do CCG que desde
2005 compila materiais biobibliográficos nos máis diversos soportes
sobre mulleres galegas ou relacionadas con Galicia- acaba de publicar
na web culturagalega.org/album un cumprido perfil de Concha Castroviejo,
asinado por Nanina Santos Castroviejo. Nada en Santiago, nunha casa
da Senra, en 1910, "de familia culta e acomodada", sinala a autora do
perfil, "a nai, Concha Blanco-Cicerón, filla e neta de afervoados
carlistas, morre de tuberculose en 1920 cando Concha ten nove anos. O
pai, Amando Castroviejo Nobajas (1874-1934), rioxano, propagandista do
agrarismo católico, do catolicismo social e impulsor da Previsión
Social, é catedrático de Economía Política e Facenda Pública na
universidade compostelá e promotor da democracia cristiá".
Esa
orixe pudente e ilustrada había marcar o percurso vital de Castroviejo e
dos seus irmáns, entre eles o tamén escritor José María Castroviejo.
Raimundo Martínez Borobó -que coincidiu con Concha na redacción do
vespertino La Noche, en Santiago, onde ela, traballou entre
1951 e 1953-, explicaba nunha presada de artigos publicados en 1991 en Atlántico
Diario, como a relixiosidade paterna e "estreitísima moral"
determinaría a formación da escritora, que facía parte "daquelas
lindas nenas da burguesía galaica, cuxos pais preferían aínda que non
estudasen o bacharelato nin fosen á universidade". Malia ese rigor da
época, que a afastou dos estudos oficiais, a filla de Amando
Castroviejo recibiu "a instrución máis exquisita que se podería
adquirir nun colexio de monxas", como o das freiras de Praceres, en
Marín: as materias académicas do bacharelato, sen validar, piano,
labores do fogar e francés, idioma que chegou a dominar e que foi arma
de supervivencia nos primeiros pasos do seu exilio, en Bordeos.
A
"inquedanza intelectual" de Concha Castroviejo levaríaa, con todo, a
procurar un novo futuro, finado xa o seu pai. Matricúlase, lémbrao
Borobó, para examinarse por libre das materias de Bacharelato no
Instituto de Noia, "por ser máis discreto" e logo dá o salto á
Universidade, onde se matriculou na Facultade de Filosofía e Letras e
onde principiou a súa amizade con Borobó. Con Borobó, Paco Comesaña e
Joaquín Seijo Alonso, co que ennoivou e co que que tiña previsto casar o
25 de xullo de 1936. "O golpe de estado militar e a Guerra -lembra
Nanina Santos- cámbiano todo. Testifica a favor de Paco Comesaña no
xuízo sumarísimo que se segue contra el en Santiago de Compostela o 23
de decembro de 1936, acusado de comunista e alterador de masas. Isto
colócaa nunha posición difícil e busca como saír".
Esa partida
verificarase en 1937, aproveitando unha viaxe do industrial Gaspar
Massó a Bordeos. Regresa logo a Valencia, onde casa con Seijo, e
mentres el combate na fronte do Ebro ela instálase en Barcelona. Será o
limiar do dramático éxodo republicano a través das montañas no xélido
febreiro de 1939 e a dramática vivencia dos campos de concentración, a
area das praias cercadas polo arame que ela describe en Los que se
fueron: "Argelés, Saint Ciprien, Barcarés... ofrecían una
interminable perspectiva de alambradas: alambradas y mar; y la franja
de arena húmeda, estremecida del rumor de las olas".
DATOS
Traxectoria
desde "La Noche" Unha aventura literaria marcada pola paixón
Concha
Castroviejo consegue chegar de novo a Bordeos e embarca no vapor Normandía
cara a México. Esa vivencia e a do posterior exilio mexicano, -até
decembro de 1949, ano no que regresa á Coruña xa coa súa filla de oito
anos, María Antonia Seijo Castroviejo- fían as existencias de Juan
Casal, Gil Brun, Antolín Diz, Von Spingler, Serapio e Carmen Vial,
personaxes dunha narración aínda hoxe moderna, con trazos documentais,
vibrante, e que resultou finalista do Premio Planeta en 1956, edición
na que se fixo co premio a escritora catalá Carmen Kurtz. A editora
barcelonesa publicouna en 1957.
A escrita de Los que se
fueron, con todo, é ben anterior. Tal como apunta Nanina Santos,
co título Las Raíces y el tiempo. Castroviejo presentou a
mesma novela, logo corrixida e con outro título, ao Nadal en 1952. É un
texto, asegura Santos, "valente polo que di e porque está escrita no
interior por unha exiliada recentemente retornada".
Esquecida
durante décadas, Los que se fueron pode encontrarse hoxe na
reedición da coruñesa Ediciones del Viento en 2009. É o seu fito
narrativo xunto a Víspera del odio, que mereceu en 1958 o
premio Elisenda de Montcada, da revista Garbo. Un xurado
integrado por mulleres -Aurora Díaz Plaja e Carmen Laforet, entre
outras- recoñeceu esa dura e longa narración epistolar, en primeira
persoa, na que o amor, a vinganza e a pantasma da guerra se volven dar a
man.
PERFIL
Co
seu nome e co pseudónimo de Asela, Castroviejo asomou a orella nas
páxinas de La Noche. Ao tempo que escribe, fai os cursos para a
obtención do carné de xornalista que convoca en Madrid a Escola Oficial
de Periodismo. En setembro de 1953 marcha para Madrid a traballar no
diario Informaciones. Traballa tamén en Hoja del lunes
e en Efe, ademais de Ínsula, La Estafeta Literaria, Galicia
Emigrante, Cuadernos de Occidente, Cuadernos
Hispanoamericanos, Blanco y Negro, Grial e Chan
(1969) dos galegos en Madrid.
Ningún comentario:
Publicar un comentario