MSF quere acabar coa dobre
vara de medir a desnutrición infantil: "Estanse a enviar alimentos ao
terceiro mundo que xamais lle deixariamos comer aos nosos meniños"
M. TOJO . SANTIAGO
![]() |
Distribución de alimentos en Níxer |
A desnutrición non se
combate con fariñas de mala calidade. Pero é o que está a acontecer.
"Alimentos que non lles dariamos aos nosos fillos envíanse a diario como
axuda alimentaria para os máis vulnerábeis". É a "dobre vara"
coa que mide parte da cooperación, segundo denuncia Médicos Sen Fronteiras
(MSF) no seu último informe 10 historias que importaron no acceso a
medicamentos no 2010, un balance dos avances, retrocesos e estancamentos
acontecidos arredor da saúde mundial.
A desnutrición (unha
enfermidade preveníbel e tratábel que non é simplemente resultado dunha
escaseza de alimentos) forma parte do último caso. Afecta a 195 mi- llóns de
nenos en todo o mundo e ano tras ano é a causa subxacente pola que morren millóns
de nenos menores de 5 anos en todo o planeta.A gran maioría dos programas
nutricionais en países en desenvolvemento que apoia a comunidade internacional
baséase case exclusivamente na subministración de fariñas enriquecidas como a
CSB, unha mestura de millo e soia que non cumpre cos estándares internacionais
para cubrir as necesidades nutricionais dos nenos menores de dous anos.
"Alimentos que nunca lles dariamos aos nosos propios fillos están sendo
enviados ás zonas máis afectadas pola desnutrición no África Subsahariana e
nalgunhas partes de Asia", denuncia o presidente do Consello Internacional
da organización, Unni. Karunakara. "Hai que terminar dunha vez por todas
con esta dobre moral; porque é incríbel que a pesar do consenso internacional
sobre a composición máis adecuada dos alimentos para nenos desnutridos, os países
doadores seguen financiando e fornecendo un produto que sabemos que non cumpre
con este estándar e que non consegue reducir o perigo de morte por desnutrición",
sostén Carlos Ugarte, responsábel da campaña de MSF contra a lacra.
Curiosamente, o estado
español foi pioneiro ao adaptar recentemente a súa política en materia de axuda
alimentaria, incluíndo produtos adaptados ás necesidades da primeira infancia.
E desde a organización demandan con urxencia "que cunda o exemplo"
Pero non foi este o único
dos fracasos ou dos proxectos que ficaron a medias. Fronte ao logro da creación
dun Fondo Común de Patentes Médicas, asinado oficialmente en xullo de 2010 co
fin de aumentar o acceso a medicamentos alcanzábeis nos países en
desenvolvemento -que recibiu apoio oficial por parte dos Institutos Nacionais
de Sanidade (NIH) estadounidenses, transcorridos só dous meses-, MSF denuncia
que as empresas farmacéuticas aínda non dan o paso de confiar as súas patentes
ao fondo. Debido a que co paso do tempo as persoas en tratamento vólvense
resistentes ás combinacións de fármacos que toman, constantemente faise
necesario o acceso a fármacos novos, pero estes son máis caros. A misión do
Fondo Común de Patentes Médicas é facilitar a produción de medicamentos máis
baratos para o mundo en desenvolvemento, permitíndolles aos fabricantes xenéricos
producir copias de fármacos patentados, a cambio do pagamento de canons ós
propietarios dos dereitos. O obxectivo é apoiar ademais o desenvolvemento de fórmulas
que se necesitan urxentemente e non existen, como "combinacións de doses
fixas" que mesturan dúas ou máis medicamentos nunha pastilla, ou fórmulas
adaptadas para nenos. O problema estancouse.
En canto á sida, no 2010,
os doantes internacionais desviaron o seu foco de atención desta pandemia, e
puxeron en perigo os avances logrados no tratamento da enfermidade na última década.
"Segundo mostran as
novas evidencias científicas e recomendacións en materia de tratamento, é
necesario o tratamento precoz con medicamentos que se toleren mellor para
evitar que os pacientes caian gravemente enfermos e para axudar a reducir a
transmisión do virus entre a poboación. A pesar desta evidencia, existe unha
tendencia xeneralizada á retirada de fondos para a sida, o que implicará un
aumento no atraso nos tratamentos, remisións ou denegacións", denuncian. O
Fondo Mundial, o principal sistema de financiamento no mundo para o tratamento
do VIH, enfróntase así a un déficit de financiamento multimillonario, e en
decembro de 2010 desestimou proposicións ambiciosas de tratamentos en países
con altas taxas de morbilidade, onde MSF xestiona programas contra a sida,
entre os que se inclúen Malawi, Suazilandia e Mozambique. O Plan Presidencial
de Urxencia de Resposta á Sida de Estados Unidos (PEPFAR), a fonte principal de
financiamento para o tratamento da sida nos países en desenvolvemento, decidiu
non aumentar o seu financiamento por terceiro ano consecutivo.
O DATO
Algunhas noticias positivas
Entre as historias
positivas de 2010, destaca o desenvolvemento de dúas novas ferramentas médicas
cruciais: unha nova vacina contra a meninxite, que podería previr as epidemias
en África se se acompaña da suficiente vontade política como para utilizala
amplamente nos 25 países afectados, e unha nova proba para a tuberculose que
podería mellorar o diagnóstico e reducir o tempo de detección das formas da
enfermidade resistentes ós medicamentos (de case tres meses a menos de dúas
horas).
Ademais, as últimas
investigacións sobre o tratamento da malaria aguda en nenos despexa calquera dúbida
sobre a pertinencia de utilizar inxeccións de artesunato en lugar da quinina, o
que debe traducirse agora en modificacións das pautas e protocolos de
tratamento. Tras varios anos de campaña por parte de MSF, creouse o Pool de
Patentes de Medicamentos, que recibiu un forte apoio político de EEUU, pero que
agora debe tamén ser apoiado polas compañías farmacéuticas. En 2010 consolidáronse
tamén melloras na calidade da axuda alimentaria dirixida a nenos menores de 2
anos: grandes doantes internacionais, como España, empezaron a aplicar cambios
nos seus protocolos para incluír a alimentación terapéutica e suplementaria
como forma de tratamento e prevención da desnutrición infantil.
Pero 2010 tamén estivo
marcado por algúns contratempos e desafíos sen resposta. Facendo caso omiso das
crecentes evidencias de que un tratamento precoz e de calidade do VIH é a
mellor forma de facer fronte á pandemia, os doantes internacionais de fondos
están dando as costas á sida, estancando o financiamento de programas específicos
e pondo en perigo os avances logrados na última década. Ao mesmo tempo, non é
de esperar que os fármacos máis novos vaian reducir os seus prezos como ocorreu
coas primeiras terapias antirretrovirais, debido ás agresivas políticas
comerciais impulsadas pola Unión Europea.
Tamén
cabe destacar o rexurdimento do xarampelo, con brotes en varios países
africanos que se saldaron con miles de mortos, o que pon de manifesto que a cobertura
vacinal está fallando en moitas rexións. Outra noticia negativa é que os
esforzos para loitar contra os medicamentos falsificados están errando o tiro
e, en lugar de protexer os pacientes dos perigos dos medicamentos de mala
calidade, están prexudicando o acceso a medicamentos xenéricos alcanzables que
son a única opción para millóns de enfermos sen recursos no mundo. Finalmente,
2010 non supuxo melloras no esquecemento dos pacientes de enfermidades
tropicais que non son negocio, como o kala azar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario