sábado, 1 de xaneiro de 2011

O galego que triunfou na Arxentina

A Laracha deita algo de luz sobre a figura do case descoñecido actor Enrique Muíño

HÉCTOR J. PENA 30/12/2010
La guerra gaucha (1942)
Enrique Muíño era un de tantos emigrantes galegos que marcharon até Arxentina en busca dunha vida mellor. A diferenza dunha María do Carme Kruckenberg, artistas consolidados e de renome, Muíño –que nacera en 1881–, foise coa súa familia aos tres anos de idade. Ese pequeno besbello apaixonado polo teatro converteríase, pasados os anos, nun dos actores máis populares da Arxentina.
Non obstante, na súa Galicia natal apenas se coñece nada da apaixoante traxectoria vital do da Laracha, e incluso os arxentinos consideran que o artista é natural do país austral. Co obxectivo de deitar luz sobre a súa figura, o escritor lucense Manuel Curiel levou a cabo un libro e un documental sobre o tema, ambos os dous titulados Enrique Muíño, o gaucho galego.
A Casa da Cultura do concello coruñés da Laracha acolle hoxe a presentación dos traballos de Curiel, que terá lugar ás 19.30 horas. Ademais, tamén se programa unha mostra sobre o protagonista, que expón aos visitantes imaxes do actor e carteis das súas fitas. En complemento ao anterior, a mesma entidade acollerá dende o 27 de decembro e até o 4 de xaneiro a proxección dunha serie de filmes protagonizados por Enrique Muíño, como Así es la vida, El viejo Hucha, La guerra gaucha, Su mejor alumno ou Donde mueren las palabras.

PERONISTA IRREDENTO
O traballo de Manuel Curiel e do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá permitiu recuperar datos e historias sobre Enrique Muíño para levar a cabo un proxecto que, en palabras do propio Curiel, xorde dunha viaxe que fixo á Arxentina. “Alí descubrín a súa figura, e decidín comezar a investigala, porque eles, os arxentinos, dicían que nacera alá, pero eu estaba firmemente decidido a demostrar que nacera aquí, no lugar da Torre, na Laracha”, sinala o escritor.
Cuestionado sobre o contido do documental, Curiel incide na importancia do actor galego, apuntando que “as súas películas eran moi populares na Arxentina”. “La guerra gaucha, por exemplo, marcou un antes e un despois na industria cinematográfica arxentina, ou Así es la vida, que foi proxectada durante máis de dous anos consecutivos no cine Ambassador de Bos Aires. Ademais, os seus filmes seguen a ser moi proxectados na televisión arxentina”, indica.
O documental do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá ten 18 minutos de duración, “tempo suficiente para contar toda a súa vida”, e libro recolle “máis de 50.000 anécdotas” sobre un home que ademais de polo seu talento, destacaba pola súa peculiar traxectoria vital.
“Era un peronista irredento. Era tal o peronismo que levaba enriba que se comenta que o chalé que tiña en Córdoba [Arxentina] llo pagara o mesmísimo General Perón”, afirma o investigador Manuel Curiel, que engade que o seu fondo peronismo “valeulle que, tralo golpe de estado, caese en desgraza, e incluso se destruísen copias das súas fitas”.
Pero non só ao cine e a política –pese a que nunca chegara a ocupar un cargo público– se limita a vida deste galego. Entre outras actividades, fundou a coñecida como AAA (Artistas Asociados Arxentinos) para axudar aos artistas que quedaban no paro.
Con respecto á súa vida persoal, o responsable do libro e do documental deixa claro que “Enrique Muíño era un trouleiro irredento, que durmiu á intemperie en numerosísimas ocasións en non menos numerosos parques de Bos Aires”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario