mércores, 26 de xaneiro de 2011

Na mente dun xenio que traspasou o seu tempo


16.01.2011 A escritora Annabel Lyon recrea nesta súa nova novela as conversas que mantiveron Aristóteles e mais o conquistador Alexandre Magno, polo que, a través das súas páxinas podemos asistir ás ensinanzas que recibiu o emperador de Macedonia durante a época na que o filósofo se converteu no seu titor por petición de Filipo, pai dese gran monarca
M.S.
A escritora Annabel Lyon recrea na súa nova novela, El maestro de Alejandro, as conversas que mantiveron Aristóteles e mais o conquistador Alexandre Magno. A través das súas páxinas podemos asistir ás ensinanzas que recibiu o emperador e rei de Macedonia durante a época na que o filósofo se converteu no seu titor.
A narración comeza cando Filipo de Macedonia, pai de Alexandre, lle pide ó seu amigo Aristóteles que se fixese cargo da educación do seu fillo adolescente, coa finalidade de modelar o intelecto do futuro conquistador e "neno da guerra", consonte o denominou a autora na presentación deste seu libro.
A adicción de Lyon por este personaxe vén dende vello; dedicou os seus estudos á Filosofía e a súa gran paixón sempre foi Aristóteles. Agora, con esta obra, a súa intención é lembrarnos quen era este filósofo e o que fixo, xa que considera que soamente se coñece o seu nome, pero non se sabe de que era responsable e canto lle debemos.
Por mor disto, escolleu este período da súa vida, do que se escribiu moi pouco e que supuxo unha época "moi turbulenta en Grecia". "O propio Aristóteles vive en convulsión interna porque vive lonxe de onde quería estar", sinala a escritora nunhas declaración recollidas por Europa Press. Nestes anos entra en xogo a figura de Alexandre, clave neste período da vida do filósofo. Lyon di que aínda que "os seus logros foron abraiantes", non era un personaxe "glorioso, senón desgraciado". "É o que hoxe chamariamos un neno da guerra, alguén que con dezaseis anos xa se atopaba no campo de batalla", salienta a autora.
Durante a relación entre Aristóteles e Alexandre Magno o pensador transmítelle valores como a divina proporción ("debes buscar o punto medio entre os extremos, o punto de equilibrio"), unha moderación que para o futuro conquistador soamente significa "valorar a mediocridade".
Durante a primeira etapa destas ensianzas, o filósofo consegue exercer certa influencia e admiración sobre o que se converterá en rei de Macedonia. Con todo, a medida que pasan os anos, Alexandre céntrase nas súas aspiracións como monarca. "Podes aprender sen conquistar", di o filósofo, ao que Alexandre replica: "Non, ti es o que pode".
Lyon foi rigorosa e mantivo a precisión histórica. "A única licenza foi situar a Aristóteles no campo de batalla", subliña. Ademais, sinala que a maior dificultade deste libro foi "tratar de habitar na mente dun xenio". Segundo indica, hai moitas teorías acerca de por que este gran filósofo aceptou educar e ensinarlle todo o que sabía a Alexandre Magno. "A miña tese é que gozou co reto de traballar con alguén como Alexandre Magno", salienta a escritora, que, ademais, engade que "non traballou encerrado nun cuarto, senón que lle gustou implicarse e observar o ascenso da estrela macedonia".

Ningún comentario:

Publicar un comentario